Lugonovo pide que se garanta a funcionalidade das dependencias municipais

Wlx1hYyQ_400x400

Lugonovo considera un precedente moi grave a situación que vén de atravesar o Concello de Lugo tras os fallos eléctricos que chegaron a inutilizar varios dos servizos que as dependencias municipais deberían proporcionar á cidadanía. A avaría, que o Concello asegura ter solventado e cuxa fonte se sitúa nunha máquina de cafés, comprometeu a efectividade de servizos tan necesarios como a Policía Local, que chegou a estar illada telefonicamente.

A portavoz de Lugonovo Cristina Pérez considerou que “menos mal que é agosto” e non outro mes de maior tráfico, xa que “houbo días nos que nin sequera se podía imprimir un papel e moito menos rexistrar decretos”. Esta situación levou a unha atención deficiente á cidadanía ante os fallos “no soporte informático”.

A concelleira de Lugonovo sinalou que non considera tan importante a causa, sexa por unha máquina de café ou polas subidas de tensión que bloqueaban os servidores, como as consecuencias. “O concello ten que estar preparado e dotado para que unha avaría eléctrica non o paralice durante un mes”, aseverou.

“Agora din que o Concello vai adquirir un xenerador, o cal avaliamos positivamente: os servizos esenciais deben ter capacidade de seguir funcionando mesmo en caso de avaría”, salientou. “O que non pode volver suceder é que a Policía Local quede illada do mundo”, engadiu, lembrando ademais que “hoxe pola mañá aínda non había internet no concello”, o que resulta nun menoscabo das funcións destas instalacións e da institución que acollen.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *