Lugonovo promoverá unha Declaración Institucional a favor de conservar a filosofía no ensino

Wlx1hYyQ_400x400

Poñer de relevancia a necesidade de que a Filosofía se manteña como formación curricular do ensino galego. Con ese obxectivo, Lugonovo levará á Xunta de Voceiros unha proposta de Declaración Institucional ao respecto.

Cremos que é un sentimento compartido universalmente a importancia que a Filosofía ten na formación de toda persoa pola dimensión que representa en canto disciplina que, de forma especial, atinxe a todo ser humano; pois todos, dalgún modo non metódico nin sistemático, somos filósofos polas preguntas que nos facemos e pola natureza das nosas reflexións ao longo de momentos distintos da vida.

Por iso enténdese que se trata dunha materia que afecta transversalmente a todo canto pode aprender un alumno, tanto nunha vertente científica como social e ética en xeral.

A Filosofía ten unha función de reflexión integradora porque asume os contidos das diversas ciencias nos que o estudante foi iniciado pero tamén outros aspectos, teóricos e prácticos, da súa formación; relaciónaos nun nivel superior, establece nexos e preguntas sobre eles, reorientaos con actitude crítica e, deste modo, proporciona un efecto de asentamento consciente do aprendido e o dimensiona.

Dito doutro modo, a educación corre o risco de quedar nun nivel de incompletitude, de curriculum non culminado, se falta, pois, esa reflexión de segundo grao que é a Filosofía .

A constatación recoñecida de certa desorientación e desubicación vital, da vulnerabilidade intelectual do suxeito ante o manexo cada vez máis grande de información que se transmite polas máis diversas fontes e formatos,  ante a exposición a unha diversidade maior de experiencias e acontecementos, ante a variedade de modos de captación de conciencias e vontades, require do individuo unha ferramenta teórica adecuada, unha capacidade reflexiva que a formación filosófica, como é recoñecido, proporciona especialmente.

A súa ausencia propiciaría, en cambio, que parámetros elementais como verdade/falsidade, xusto/inxusto, realidade/virtualidade, ciencia/ideoloxía, moral/amoral/inmoral, universal/particular, etc, tratándose de medios de orientación na sociedade e no mundo, non queden medianamente claros na conciencia de cada un.

O contexto actual, nada coxuntural, de aceleración de cambios laborais, sociais, tecnolóxicos e culturais que afectan a todas as dimensións da existencia, está a intensificar a situación de certa precariedade dos medios intelectuais que o individuo emprega para guiarse e dotar de fundamentos as súas decisións persoais e públicas, sendo os coñecementos filosóficos un elemento esencial nesa equipaxe teórica.

Encontrámonos, con todo, nunha situación paradoxal: mentres todos os factores, como moitos dos sinalados, acentúan a necesidade da formación filosófica, a presenza desta non deixa de minguar nos programas de estudos e coa última lei de educación (LOMCE) se pon ao borde da súa desaparición.

Por vez primeira nos atoparemos con estudantes que non saberán nada de Aristóteles ou Kant, o que non é soamente unha grave cuestión de preparación, senón algo máis importante: un síntoma claro da falla no equipamento intelectual do individuo para confrontarse conscientemente aos retos do mundo actual.

Unha certa conciencia desta situación da formación filosófica levou xa a nove Comunidades Autónomas (Asturias, Cataluña, Extremadura, Andalucía, Aragón, Murcia, Cantabria, Baleares e La Rioja) a adoptar medidas de distinto tipo para, cando menos, paliar o seu dano, facendo que a Filosofía mantivera a sua presenza, e, en particular, para que unha materia da relevancia da Historia da Filosofía nos estudos de Bacharelato, ata o de agora común a todas as modalidades do mesmo, puidera conservar dalgún modo o seu lugar.

Un criterio que, nos gustaría, fora compartido e subscrito tamén pola administración galega. Na procura dese obxectivo, trataremos de promover que tamén o Pleno do Concello de Lugo exprese o seu apoio á permanencia da formación filosófica no ensino así como ás distintas iniciativas populares que  defenden e promoven a causa.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *