Lugonovo afea ao goberno polo estado de descoido que sofre a contorna do Campus

170704 Dotacións inutilizadas por falta de coidados170704 Beirarrúa invadida pola vexetación

Boa parte da beirarrúa permanece ocupada polas silveiras e o aparcadoiro de bicicletas e a papeleira, directamente, desapareceron debaixo delas.

A situación de abandono que denuncia Lugonovo correspóndese coa Avenida Bernardino Pardo Ouro, onde a maleza comeza a provocar serias molestias para os viandantes.

“A envergadura da vexetación está a inutilizar as dotacións da vía. Mermou considerablemente o espazo dispoñible para camiñar e invadiu o mobiliario urbano instalado na zona, impedindo o seu uso”, explica Iñaki García.

O edil da formación cre que a falta de mantemento está a afectar negativamente á imaxe da contorna, que tamén noutros puntos próximos reflicte un pésimo estado de conservación.

“O pasado mes de novembro xa trasladamos unha queixa ao goberno instando a mellorar a limpeza e a sinalización viaria do Campus. A nosa petición salientaba, especialmente, as malas condicións nas que se atopa a Rúa Filarmónica Lucense pero, sete meses despois, lonxe de adecentarse, aínda presenta maior deterioro”, afea García Gómez.

“Estamos a falar dunha estrada de moito tránsito que vertebra a Facultade de Humanidades con Alfonso X e que dá servizo non só á veciñanza senón á comunidade educativa da Universidade así como aos usuarios das instalacións deportivas que se concentran nesta parte da capital. E, agora mesmo, por exemplo, non hai estacionamento no que se distinga a delimitación das prazas, que adoecen dunha man de pintura urxente”, advirte o concelleiro.

Dende Lugonovo cren que este é o momento axeitado para acometer as tarefas de acondicionamento tendo en conta que as vacacións de verán rebaixan considerablemente a circulación no Campus e que a climatoloxía propia da estación favorece o resultado dos traballos. “Cómpre aproveitar as datas nas que estamos e non perder o tempo para que, á volta de setembro, todas estas eivas estén xa solucionadas”, conclúe Iñaki García quen avanza que, neste senso, presentará un rogo á vindeira Comisión de Infraestruturas para que o executivo se faga cargo da reivindicación.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *