Lugonovo denuncia que a baldosa danada de San Pedro, na que se esnafrou unha veciña en agosto, segue a ser un foco de caídas

170908 Baldosa danada en San Pedro

“¿Que ten que pasar para que o Concello arranxe as cousas?” É o que se pregunta a portavoz de Lugonovo 25 días despois de que unha muller resultase ferida de gravidade na Rúa San Pedro.

A vítima, de 73 anos, tropezou o pasado 14 de agosto nunha baldosa danada, sufrindo importantes lesións na cara. Advertida a administración do acontecido, como responsable do mantemento viario, fixo tanto coma nada para reverter a situación e, esta mañá, o pavimento continuaba no mesmo mal estado que o día no que se rexistrou o suceso.

“Resúltanos incomprensible que algo tan sinxelo, a primeira vista, como é reparar ou substituír unha pedra siga sen solucionarse case un mes despois. Non sabemos a qué agarda o goberno para dar a orde e corrixir o problema porque o certo é que, aínda que non presentaron denuncia, temos constancia de que xa se produciron máis caídas no mesmo enclave”, sinala Cristina Pérez.

A voceira da formación afea asemade ao executivo por retirar a sinalización que inicialmente advertía aos peóns da ubicación da lousa conflitiva.

“Parece ser que os valos de delimitación entorpecían o tránsito dos vehículos pola calzada e decidiuse suprimilos, priorizando unha vez máis a mobilidade dos coches e non a seguridade dos viandantes”, lamenta Pérez Herráiz.

Os edís da agrupación municipal lémbranlle ao equipo de goberno que este tipo de accidentes, derivados do desgaste do firme, levan acaparado no que vai de 2017, máis da metade do orzamento necesario para atender indemnizacións. Unha partida á que, só na primeira metade do ano, se destinaron 35.000 euros dos que ao redor de 21.000 serviron para afrontar as reclamacións de catro veciños por deficiencias nas rúas.

“Se cadra, algo máis de disposición e de axilidade á hora de solventar os problemas do día a día evitaría moitos destos sinistros e minguaría a cantidade de cartos que a institución gasta en compensar por eles á cidadanía”, conclúe a portavoz de Lugonovo.

 

 

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *