Lugonovo propón instalar un novo paso de peóns no tramo inicial da Ronda de Fingoi

Sen pasos ata Estrada da Granxa

Case medio kilómetro. Esa é a distancia que un peón debe camiñar ata atopar un paso de cebra que lle permita cruzar de forma segura no tramo inicial da Ronda de Fingoi.

Máis de 400 metros que a portavoz de Lugonovo percorreu a pé para constatar que a distribución das zonas de intersección resulta máis que deficitaria, en termos prácticos, para a cidadanía.

“Dende Alfonso X ata a Rúa Armórica non existe nin un só punto no que poder cambiar de beirarrúa sen risco de ser atropelado, advirte Cristina Pérez Herráiz, no que semella un intento de segregar á veciñanza deste barrio do da Acea de Olga”, ironiza.

A voceira da formación refire unha repartición desigual dos puntos onde están ubicados os cruzamentos en tanto que, “tomando como referencia Aviación Española, o número de pasos que debe dar un viandande triplícanse se se dirixe cara a Estrada da Granxa (preto de 800) con relación á Ronda do Carme (a só 250)”.

“Parécenos a todas luces non só convinte, senón tamén necesario habilitar un novo acceso peonil que posibilite aos transeuntes mudar de marxe nun enclave intermedio, dando servizo tanto aos residentes nesta parte da capital como aos usuarios do campus e do resto de instalacións deportivas e culturais que se atopan nos arredores. Por iso – continúa Pérez Herráiz – consideramos acaída a súa ubicación a altura da Rúa Roseira, coincidindo coa existencia dunha parada do bus urbano, o que tamén facilitaría chegar a ela, independentemente do sentido da marcha”.

Para os edís de Lugonovo resulta moi significativo que este cambio de dirección sí fose tido en conta para a circulación rodada pero non para as persoas, dificultando a súa mobilidade nunha das vías máis extensas da capital. Unha eiva que se suma aos prexuizos ocasionados polo lamentable estado de conservación no que se manteñen o resto de marcas viais da contorna, mostra evidente, segundo Cristina Pérez “da deixadez e da falta de planificación da que adoece o Concello”.

O seu repintado así como que se estude a viabilidade da creación deste novo paso de cebra son dúas peticións que a formación trasladará ao equipo de goberno en forma de rogo nas vindeiras Comisións de Pleno.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *