Lugonovo reitera a necesidade de crear un servizo municipal de baleirado e limpeza de fosas sépticas no rural

Pozo negro

Trimestre tras trimestre, os informes sobre a calidade da auga das fontes que non están conectadas á rede de abastecemento seguen a confirmar que máis da metade continúan afectadas pola contaminación bacteriolóxica. Para axudar a emendar esta situación, Lugonovo propón regular a recollida, transporte e xestión dos residuos procedentes das fosas sépticas e dos pozos negros existentes no rural.

Dende a formación sinalan que se trata dun servizo que xa existe noutras moitas localidades e que en Lugo podería beneficiar aos residentes das 40 parroquias que actualmente carecen de saneamento.

“Antes de nada – destaca a súa voceira –  convén recuperar e actualizar a ordenanza que regula tódolos aspectos relacionados co tratamento dos refugallos para, a continuación, desenvolver unha prestación de baleirado e limpeza das foxas privadas así como de traslado dos lixiviados ata a planta de tratamento para garantir que se fai axeitadamente”.

Os edís da agrupación municipal advirten que moitas destas instalacións particulares teñen filtracións e están a causar danos ao medio ambiente contaminando, en moitos casos, os acuíferos. A medida que suxiren contribuiría a evitar os vertidos, a corrixir o prexuizo ecolóxico e a dotar ao rural dunha ferramenta moi necesaria que contrarreste tódolos déficits de dotacións que padece.

“Haberá que estudar qué fórmula resulta máis convinte para artellar este servizo – explica Cristina Pérez Herráiz –  se desenvolvelo á demanda de forma que o veciño só teña que abonar a taxa correspondente por cada traballo puntual, ou ben mediante o pago dunha cota anual e un importe por vaciado pero sempre cun custo equiparable ao que se lle cobra aos usuarios conectados á rede urbana”.

Os concelleiros e a portavoz de Lugonovo apuntan que este sistema, que xa é unha realidade en Arteixo, en Oza – Cesuras dende hai tres anos e tamén en Ferrol, a través da empresa mixta Emafesa, sería unha medida provisoria ata que non chegue o saneamento definitivo do núcleo, polo que instan, igualmente, a administración local a seguir loitando para que o executivo autonómico cumpra coas obrigas que lle corresponden como é a de reverter neste cometido parte do que recada no concello co canon da auga.

“Agora que a alcaldesa vén de comprometer unha partida anual para este concepto, pedirémoslle que incopore a nosa proposición ao conxunto de iniciativas que pensa impulsar próximamente”, conclúe Pérez Herráiz.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *