Lugonovo tacha de esperpento o devir da Fábrica da Luz

 

Fabrica da Luz foto

“O que mal empeza, mal acaba”. Así é como Iñaki García resume o esperpéntico proceso no que se atopa envolta a concesión da Fábrica da Luz.

“Se aínda non se pode dicir que ilegal, como mínimo sí se pode cualificar de inmoral todo o que está a acontecer con esta licitación; dende o seu outorgamento, cuestionado incluso xudicialmente, ata o atentado medioambiental que supuxo para o río a construción do famoso dique e a súa permanencia, máis dilatada do recomendable, no cauce do Miño”.

O edil de Lugonovo traslada unha dura crítica á xestión realizada ao respecto polo goberno local, tras coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia podería pronunciarse en contra da prórroga solicitada polo Concello para rematar as obras nas instalacións, abocando á institución a asumir unha indemnización, previsiblemente elevada, para resarcir á empresa concesionaria.

“Dende o primeiro momento advertimos que os traballos provocarían unha agresión ecolóxica severa, que tamén terá consecuencias a longo prazo para o ecosistema pero, de confirmarse o ditame, estamos seguros de que suporá ademais un grave prexuizo económico para o municipio. Un dano que terían que sufragar os lucenses pola mala praxe, a desidia e a neglixencia dun executivo irresponsable e carente de determinación”.

García Gómez afea ao equipo de Lara Méndez por facer da desconsideración un hábito e ser, ao mesmo tempo, tan ilusos como para pensar que o resto de administracións terían a mesma tolerancia e transixencia que os grupos que integran a Corporación co seu costume de non respectar os prazos oficiais.

“Levan tensando a corda dende que se iniciou o mandato. Primeiro, recorrendo a urxencias para manobrar cun contrato ponte da Ora, utilizando aos empregados de pretexto. Logo coa modificación das ordenanzas, que non estiveron en vigor ata  ben entrado o ano e despois cos orzamentos e os seus sucedáneos, por non falar da tramitación estilo Escorial que está a seguir a praia fluvial. Todo queda para última hora, como ese estudante que agarda ao día anterior ao exame para coller o libro, sen éxito, facendo que se cumpra o augurado polo refrán de tarde, mal e a rastro”.

O espectáculo non pode ser máis lamentable, segundo o concelleiro de Lugonovo, no que ten que ver coa capacidade do goberno para dirixir a cidade e coa imaxe de falta de rigor que reflicte.

“Agardamos que o máis pronto posible o executivo ofreza explicacións sobre o contido exacto do auto que transcendu hoxe. Queremos saber en qué sentido se pronunciou o TSXG, a canto poden ascender as compensacións que reclame Inca e, sobre todo, de onde ten pensado sacar os cartos para afrontalas e se pode afectar as asignacións que xa teñen consignadas outras partidas. Preocúpanos canto tempo tardará en resolverse o conflito, cal é o procedemento burocrático que resta e cal o futuro que lle agarda agora a este espazo para evitar que, sendo un lugar natural privilexiado, se convirta nun novo vertedoiro urbán ou, no que é peor, noutro Garañón”, lamenta Iñaki García quen trasladará todas estas cuestións á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible.

 

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *