Lugonovo traslada as queixas da veciñanza polo deterioro do Parque dos Paxariños

Grava solta nos sendeirosParque infantil precintado

A área infantil permanece pechada, os sendeiros son, literalmente, un pedregal e a vexetación, moi descoidada, contribúe a elevar a imaxe de abadono que reflicte o Parque dos Paxariños.

A portavoz de Lugonovo chama a atención do goberno, ao respecto.

“É unha das poucas dotacións axardinadas coas que conta o sur da cidade e practicamente o único espazo de lecer do que dispón a veciñanza das Fontiñas, un dos barrios máis poboados da capital”, explica Cristina Pérez Herráiz. “Sen embargo,  o seu aspecto dista moito de convidar á visita. Coa maleza inutilizando boa parte do soar, os camiños convertéronse ademais nunha trampa esvaradía para os viandantes porque o grixo que se botou, de grandes dimensións, non compactou co chan e quedou esparexido tralas últimas trombas de auga”.

A crítica da voceira esténdese ao feito de que o recinto de xogos para os máis cativos atópase precintado, impedindo o seu uso.  “Queremos saber por qué motivo se clausurou esta zona de actividades, canto tempo leva así e, sobre todo, cando volverá a estar ao servizo das familias da contorna”, refire Pérez Herráiz.

A agrupación municipal trasladará todas estas cuestións á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible xunto con outras relativas á creación dos hortos urbanos previstos nestes terreos.

“Previsiblemente, a ordenanza que regula a súa adxudicación irá ao Pleno deste mes pero, a simple vista, non se aprecia que se teña avanzado moito na súa configuración. Non hai pegada de cómo estarán distribuídos, nin tampouco se observa outro signo que evidencie a súa futura instalación. ¿Cando pensa entón o executivo poñelos en funcionamento? Estamos a falar dun compromiso orzamentario para o que pactamos unha asignación económica no exercicio pasado e que, xa mediado o 2017, continúa sen trazas de materializarse – lamenta Cristina Pérez – unha mágoa que o proxecto se siga demorando agora que a entrada en vigor do seu marco legal parece inminente”.

Dende Lugonovo anuncian, asemade, que rexistrarán tamén un rogo solicitando o acondicionamento do lugar.

 

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *