Lugonovo solicitará a adhesión da Corporación aos acordos que reclaman a devolución do Pazo de Meirás

170904 Pazo de Meirás

Lugonovo tratará de aportar o seu gran de area á salvagarda da memoria histórica.

A formación vén de rexistrar unha proposición plenaria para que a Corporación Municipal se adhira aos acordos en vigor que esixen a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público.

“Trátase de sumarse ás medidas desenvolvidas polo Concello de Sada e a Deputación da Coruña e de darlle continuidade ás mobilizacións cidadás que pretenden reparar a honra e a dignidade das vítimas da ditadura – destaca Cristina Pérez Herráiz, un obxectivo no que a sociedade debera atoparnos unidos a tódolos grupos que integramos a esfera política”.

A iniciativa, promovida por En Marea noutras moitas localidades galegas, ten, entre outros fins,  acadar que sexa a administración local sadense a que xestione o réxime de visitas ao BIC Pazo de Meirás, retirándolle a competencia á Fundación Nacional Francisco Franco, así como instar á modificación da Lei de Fundacións para impedir que estas poidan facer apoloxía do réxime.

“Xa é hora de que se aprobe unha normativa especificamente galega que prohiba o enxalzamento dos protagonistas da represión. Ademais cómpre procurar que se constitúa, con carácter inmediato, unha Xunta pro Devolución do Pazo ao patrimonio público, a quen verdadeiramente lle corresponde por dereito o inmoble. Non podemos esquecer que a titularidade desta propiedade obedece, nin máis nin menos, a un espolio, a un proceso de adquisición forzada e coactiva que se disfrazou de forma fraudulenta como unha doazón pero que constitúe un vestixio máis dos privilexios obtidos polo abuso da forza e do terror que impuxo o caudillo”, subliña a portavoz da agrupación.

Esta non é a primeira vez que Lugonovo impulsa medidas encamiñadas á reposición da memoria histórica. Meses atrás xa solicitara a retirada da simboloxía franquista que se mantiña na fachada do Ceip Manuel Mallo Mallo de Nadela ademais do cambio de nomenclatura na sinalización de varias rúas da capital, entre elas a Avenida Adolfo Suárez.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *