Regulamento de Primarias

Inicio Primarias Regulamento de Primarias

Regulamento de Primarias

Regulamento de Primarias

Introdución

Lugonovo pretende ser unha iniciativa municipalista agregadora de todas as persoas e sensibilidades que procuran unha mudanza radical do estado das cousas desde o municipio de Lugo. Co obxectivo posto nas eleccións municipais de maio de 2015, Lugonovo levará a democratización a todos os lugares en que estea presente, comezando pola súa propia organización interna.
Como resultado de ambos factores, propoñemos un regulamento de Primarias que cumpra os seguintes obxectivos:
• Ser o reflexo da pluralidade interna de Lugonovo.
• Ser comprensíbel, de xeito que cada quen poida facelo seu.
• Que sexa completamente transparente en cada unha das súas fases.
• Que oferte un trato igualitario a todas as persoas que desexen participar do proceso.
Estes serán os criterios que guíen tanto o presente Regulamento como os procesos de elección colectiva de Lugonovo.

1. Censo

a. Participantes

1. No proceso de primarias de Lugonovo terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida, ou tivese residido nos últimos cinco anos, no concello de Lugo. As persoas que queiran participar nas votacións encherán un formulario cos seus datos e pasarán a formar parte dos inscritos en Lugonovo, recibindo un código de verificación para validar a inscrición.

2. Durante o proceso de votación, presencial ou telemático, requirirase un compromiso de veracidade que garanta o anterior punto.
3. Lugonovo obrígase a manter a condición de segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
4. As persoas con plenos dereitos políticos terán tamén a condición de avalistas de candidaturas, posuíndo tres avais para persoas candidatas a ser parte da lista e un para a cabeza.
b. Elaboración do censo
O censo de votantes para as primarias de Lugonovo será elaborado polo órgano de arbitraxe creado para fiscalizar o proceso de votación.

2. Aspirantes
a. Condición de candidata/o
1. Terán a condición de candidatas e candidatos todas aquelas persoas con residencia ou arraigo no concello de Lugo que cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

b. Requisitos básicos para a presentación dunha candidatura

Son requisitos imprescindíbeis para a presentación de candidaturas os seguintes:
1. Ser asinante do Manifesto de Lugonovo, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.
2. Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético de Lugonovo, unha vez este estea aprobado.
3. No caso das persoas militantes de partidos políticos, unha declaración en que consten os cargos que ocupa na súa organización.
4. Estar en posesión de cinco avais asinados por persoas rexistradas no censo. As persoas con intención de ser cabeza de lista deberán entregar 15 avais.

c. Criterios de exclusión

Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
1. Desempeñar algun cargo electo nalgunha outra Institución distinta do Concello de Lugo.
2. As persoas que formen parte de candidaturas distintas á de Lugonovo que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
3. As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
4. As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
Nota: Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

d. Compromisos asumidos pola persoa aspirante

1. Xustificar documentalmente a súa residencia ou arraigo no municipio de Lugo.
2. Abandonar os cargos politicos ou orgánicos que ocupe no caso de ser escollida.
3. Asinar un compromiso de cumprimento do Código Ético.
4. Cumprimento estrito do presente Regulamento.

e. Compromisos asumidos por Lugonovo

1. Trato igualitario na difusión da súa candidatura.
2. Garantía de igualdade de oportunidades.
3. Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura.
4. Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
5. Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a presentación de avais.

f. Tipos de candidaturas

1. As persoas que obteñan a condición de electoras emitirán o seu voto en favor de persoas individuais..
2. Os/as candidatos/as presentaranse individualmente.
3. A votación en primarias estará dividida entre a cabeza e o resto da lista.
4. Cada elector ou electora de Lugo Novo poderá votar por 10 persoas ordenadas do 1 ao 10, cun mínimo do 40% de persoas de cada un dos xéneros. A cabeza de lista votarase por separado.

5. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de ser tamén parte da lista de titulares. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza pero non parte da lista e non acade os votos necesarios, non formará parte da lista definitiva.

3. Arbitraxe

a. Organismo para a supervisión do proceso electoral

1. Crearase un órgano de supervisión do procedemento de primarias denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.

b. Conformación do Órgano de Arbitraxe electoral

1. O órgano de arbitraxe estará conformado por cinco persoas, a poder ser consensuadas, ou, cando menos cun apoio dun mínimo das duas terceiras partes dos votantes da asemblea.

c. Funcións do Órgano de Arbitraxe Electoral

1. Garantir o cumprimento deste Regulamento.
2. Facer cumprir o calendario aprobado no proceso de debate de Lugonovo.
3. Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
4. Aprobar as candidaturas presentadas.
5. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
6. Interpretar baleiros do presente Regulamento.

d. Mecanismo para a toma de decisión do Órgano de Arbitraxe Electoral

1. O órgano de arbitraxe adoptará as súas decisións por consenso, no caso de que o devandito consenso non se produza a maioría simple sería determinante.

4. Postos a elixir

Nota: no concello de Lugo as listas están compostas por 25 titulares e 5 suplentes.

a. Tipo de votación

1. No acto da votación, o elector ou electora poderá realizar dúas votacións, unha para escoller á persoa que encabezará a lista e unha segunda para completar a lista.
2. No acto de votación, cada elector poderá escoller como máximo a10 persoas ordenadas do 1 ao 10, e como mínimo a 4, ordeadas do 1 ao 4, respectando a proporción mínima de 60/40 de cada xénero.
3. Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto mínimo do 40% de persoas de cada xénero non poderán ser tidos en conta.

b. Reservas de postos

1. A lista de titulares da candidatura será completada con persoas de consenso, elexidos pola asemblea de Lugonovo, que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 7 postos ao final da lista.
2. Non estará limitada a presentación de candidaturas.

5. Campaña electoral das primarias

a. Dereitos e deberes das persoas candidatas.

1. 1. Dos dereitos das persoas candidatas:
a. As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte de Lugonovo.
b. Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso.
c. Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas por Lugonovo para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das persoas candidatas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios de Lugonovo enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas, facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
d. Dereito á promoción da súa candidatura nos seus perfís propios de redes sociais. Así mesmo os medios dixitais propios de Lugonovo enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
2. 2. Dos deberes das persoas candidatas.
a. Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
b. Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións do Órgano de Arbitraxe Electoral.

b. Garantías de igualdade de oportunidades

1. Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación.
2. Lugonovo ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
3. Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto.
4. Estará prohibida a edición de material propagandístico para a promoción dunha candidatura.
5. O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.

6. Sistema de votación

a. Sistemas de votación

1. As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias de Lugonovo irán guiadas por tipos de conteo distintos.
1. A votación da cabeza de lista estará regulada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura.
2. No caso de existir unha soa candidatura, o candidato ou candidata someterase a referendo durante o propio de acto de votación, existindo só a opción do apoio e do voto en branco.
3. No caso de existir dúas candidaturas a votación resolverase por voto simple.
4. No caso de existir tres ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora pode emitir tres votos. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1. No anexo ao final deste documento inclúese unha explicación detallada e exemplificada de dito método.
2. A votación á composición da lista estará regulada polo reconto Dowdall.
O elector ou electora ordenará as súas opcións para a composición da lista, pero neste caso do 1º ao 10º. Os puntos outorgados, en lugar de ser consecutivos como no caso anterior serán así: 1 punto, 1/2 punto, 1/3 punto, 1/4 punto, 1/5 punto, 1/6 punto, 1/7 punto, 1/8 punto, 1/9 punto e 1/10 punto.

b. Respecto á igualdade de oportunidades e á pluralidade interna de Lugonovo

Como resultado dos distintos debates internos, dinámicas colectivas e co obrigado compromiso de democratización, Lugonovo servirase dun método de votación que estableza que o resultado do proceso de primarias internas sexa o máis representativo posíbel das distintas sensibilidades que hoxe a compoñen,.
Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto mínimo do 60/40 (mínimo de 4 das 10 persoas de cada xénero ) non poderán ser tidos en conta no reconto electoral.

7. Xornadas electorais

a. Lugares e formas de votación

1. Votarase telematicamente e de maneira privada ou de maneira telemática asistida nun espazo adaptado a tal efecto.
2. Habilitaranse un ou máis espazos a efectos de colexio electoral, nos que se votará a través dun ordenador. Nos devanditos colexios estarán persoas con coñecementos técnicos para facilitar a votación e do Órgano de Arbitraxe Electoral para garantir a limpeza do proceso.

b. Seguridade do proceso

1. Ademais das ferramentas de seguridade que oferta a ferramenta telemática, o Órgano de Arbitraxe velará pola seguridade do proceso.

c. Escrutinio

1. O escrutinio será realizado pola propia ferramenta telemática e publicado para a súa impugnación, se procede, en todas as ferramentas comunicativas de Lugonovo.

8. Proclamación da candidatura

a. Publicación e proclamación da candidatura

1. A candidatura será proclamada polo Órgano de Arbitraxe.
2. Os resultados publicaranse o último día da votación. Abrirase un prazo de alegacións entre o seguinte e o terceiro día posteriores ao da votación.