Programa

As nosas ideas forza

Inicio Programa

As nosas ideas forza

 

FACENDA MUNICIPAL E ECONOMÍA

1. Redución dos gastos en corporación municipal do Concello até un 50%, aforrando así ao redor de 750.000€ que irán destinados a financiar servizos sociais.
2. Recuperación de servizos privatizados. Revisión de todas as concesións do Concello e posta en marcha dunha estratexia de remunicipalización para recuperar servizos públicos.
3. Transparencia na facenda e orzamentos participativos. Estratexia de orzamentos participativos -que acadarán até o 10% do capítulo 6 destinado a investimentos- por barrios e sectores, comezando pola zona rural e incluíndo despois outros barrios da cidade. Modificación da estrutura coa que actualmente se publican os orzamentos no BOP, permitindo a interpretación destes e facilitando o acceso aos mesmos a través da web do Concello.
4. Potenciación e axudas ao emprendemento, potenciando o CEI-Nodus, facendo fincapé no asesoramento e facilitando acceso ás TIC. Establecemento dun orzamento para tal fin, dotando a proposta dos recursos económicos axeitados.
5. Fiscalidade progresiva. Adaptación das taxas, prezos públicos e tributos de tal xeito que permitan unha fiscalidade progresiva en función das rendas e ingresos familiares.
6. Novas dotacións nos polígonos industriais. Entre elas, dotación no polígono das Gándaras dunha base de acollida de tripulacións vixiada (terminal de mercancías), para transportistas en tránsito pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en colaboración coa Xunta de Galicia.

RÉXIME INTERNO

7. Descentralización da Policía Local. Creación dunha oficina na zona norte do barrio da Milagrosa.
8. Servizo de tarde no Concello, con servizos mínimos (oficina de atención ao público, rexistro…etc).

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

9. Desenvolvemento dos consellos terrioriais e sectoriais, para que a cidadanía poida participar na toma de decisións nas actuacións municipais que afecten o seu distrito. Descentralización Administrativa do Concello: establecer na periferia puntos de rexistro que eviten viaxes ás oficinas centrais.
10. Plano de Inclusión Social cos colectivos implicados: mesa de dialogo social na que estean representados os colectivos en risco de exclusión.
11. Establecemento da figura do referendo para adoptar decisións importantes que afecten a toda a cidadanía. Por exemplo, a remunicipalización de servizos privatizados.
12. Creación dos Observatorios, mediante convenio entre Concello e Universidade, para a realización dun diagnóstico social dsobre s necesidades da poboación.
13. Elección democrática dos alcaldes pedáneos.

DEREITOS SOCIAIS

14. Renda Mínima de Inserción para familias sen ingresos mentres non asume a súa responsabilidade a Xunta de Galicia coa Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).
15. Xestións para a suspensión inmediata do corte de subministro enerxético ás persoas que acudan aos servizos sociais do Concello mentres non se resolva a súa demanda.
16. Implicarse na procura e consecución dun Lugo libre de desafiuzamentos.
17. Elaboración dun Plano de Inclusión Social cos colectivos implicados.
18. Establecemento dun Servizo de Atención Inmediata a Urxencias Sociais.

URBANISMO

19. Revisión do Plano Xeral vixente para reformular o seu modelo urbanístico, actualmente baseado na recualificación do solo e a ignorancia das necesidades reais da cidadanía.
20. Plano especial para o Carme, que preserve o valor paisaxístico e medioambiental da vaganta.
21. Máxima celeridade e colaboración coa xustiza nos trámites precisos para levar adiante a demolición do Garañón. Investigación para establecer as responsabilidades políticas.
22. Peonalización do casco histórico. Establecemento de vías de entrada e saída para os aparcadoiros situados no recinto amurallado.

MOBILIDADE E TRANSPORTE

23. Reestruturación do transporte público, atendendo os aspectos de liñas, paradas, formatos de autobús, transbordos e sistemas de información usando as tecnoloxías da información e a comunicación.
24. Reclamarlle á Xunta de Galicia a remodelación integral da Estación de Autobuses.
25. Adopción dos principios do movemento Cidades Lentas.
26. Posta en funcionamento do carril bici Norte- Sur, medida singular nun programa xeral de fomento da mobilidade ciclista.
27. Estudo global do servizo da ORA, que debe ser público e con finalidade regulatoria do tráfico, non recadatoria. Eliminación do sistema en rúas onde resulta ineficaz e establecemento de medidas coma a primeira media hora gratuíta, para facilitar xestións de duración breve sen custo de aparcamento.

MEDIO AMBIENTE

28. Establecemento dun programa ambiental de amplo alcance con implicación veciñal. Fixar o obxectivo de optar, en poucos anos, ao premio Capital Verde Europea.
29. Recuperar as beiras do Miño. Creación de áreas de lecer e un parque multiaventura.
30. Establecemento dun parque nas Gándaras.
31. Posta en funcionamento do Anel Verde, conexión das zonas de interese medioambiental (Piago, Lagos de Teixeiro, Parque do Rato, Monte Segade) .

ZONA RURAL

32. Posta en funcionamento dun Banco de Leiras para implantación de hortas, galiñeiros, etc., nas parroquias rurais, primando xente moza, desempregados e familias con baixos recursos. Con axuda económica para alugueiros e apoio técnico.
33. Fomentar a produción ecolóxica e artesá e pór en marcha dous mercados semanais de proximidade.
34. Creación dunha Oficina Rural Municipal co obxecto de asesorar na aplicación do PXOM, usos do solo, Rede Natura, Reserva da Biosfera e tramitación de licenzas.

CULTURA, COMERCIO E TURISMO

35. Instaurar o Consello Municipal de Cultura, con representación institucional, asociativa, de intelectuais e artistas. Cun regulamento operativo e funcións de asesoría, coordinación de información e calendarios,  referencia para a iniciativa social e en relación co goberno.

36. Como elemento de apoio á xestión e iniciativa particular, o concello conformaría un gabinete asesor de imaxe para a posta en funcionamento e mellora do comercio. Esta dependencia está pensada para ofrecerlle servizo á rede de pequenos negocios de Lugo con vistas a competir con franquías e multinacionais.
37. Establecer seis circuítos patrimoniais como oferta para os lucenses e suxestión de cara a visitantes ou turistas: Prerromano e Romano, Idade Media, Idade Moderna, Varios, Arquitectura Racionalista e Narradores de Lugo. Con etapas en puntos clave da cidade e remisión puntual a elementos situados na Catedral ou o Museo, contarían con sinaléctica de información histórica e artística. Como material de referencia, consulta e uso didáctico, elaboraríanse guía e documentos en diverso soporte.
38. Como intervención estratéxica para este mandato, proponse o desenvolvemento do AGRO DO ROLO (ou barrio da Milagrosa) como lugar singular. Deseñaríase un plano de desenvolvemento e dinamización con base en pequenos establecementos, mercados e inciativa creativa e un programa de apoio financeiro. Este proxecto apuntaría a estimular a iniciativa social e converter o Agro do Rolo nun ámbito particular, lugar de encontro intercultural que podería converterse en reclamo turístico e singular da cidade.
39. Instalar na planta baixa do Cárcere Vello o Casal da Poesía. En cada antiga cela, un poema sería pretexto de realización plástica, audiovisual e introdución divulgativa na cultura poética lucense, galega, europea e mundial. O circuíto sería renovable e constituiría unha vinculación da cidade de Lugo coa Literatura Universal.
40. Iniciar o proceso para a declaración de Lugo como Cidade da Gastronomía da UNESCO, dentro da Rede de Cidades Creativas da Alianza Global.
41. Proxecto Murallart. Convocatoria anual de catro bolsas de traballo para artistas plásticos noveis, tutelados por artistas recoñecidos, co obxectivo de elaborar cadanseu proxecto de intervención artística efémera sobre a Muralla e o seu contorno. As intervencións realizaríanse na semana do aniversario de declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

EDUCACIÓN

42. Pór en función o Consello Escolar Municipal (CEM) de Lugo, ente obrigatorio pola lei 3/1986 perante a aprobación dun regulamento polo que se rixa. Actualización e organización do mapa escolar do Concello por Distritos que inclúan todos os centros sostidos con fondos públicos, para racionalizar a oferta de prazas escolares e en colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
43. Como membro da rede europea de Cidades Educadoras, o Concello de Lugo deberá facer efectivos os principios fundacionais desta rede poñendo en funcionamento: Escolas de Pais e Equipos Multicisciplinares de Orientación Escolar e Profesional .
44. Garantir a seguridade vial nas entradas e saídas do alumnado dos centros educativos. Con medidas como a organización do tráfico en función das realidades dos colexios, vixilancia policial e realización de campañas de concienciación.

UNIVERSIDADE

45. Establecemento dun convenio coa Xunta de Galicia con vistas a facilitar alugueiro a baixo custo para a poboación nova, reservando unha porcentaxe para o alumnado dos programas educativos Séneca, Erasmus e Xan de Forcados. Medida que se entende no sentido de apoio á mocidade e potenciación destes programas.
46. Postura activa do concello na defensa das titulacións do Campus de Lugo, pola importancia deste para sectores básicos da nosa economía.
47. O Concello intentará promover unha Universidade de Verán, actividade á que poida acceder a poboación local.
48. Potenciar e mellorar o Cuarto Ciclo como Universidade de Maiores.

MOCIDADE

49. Promoción de prácticas laborais en sectores estratéxicos para Lugo, en dous tramos de idade: para menores de 30 (con enfoque de primeiro emprego) e de entre 30 e 35 anos.
50. Bonos para fomentar compras na Praza de Abastos.
51. Potenciación de todo tipo de eventos culturais (música, teatro, poesía, etc.) a través da creación dun circuito que permita á xente moza a promoción de proxectos dentro e fóra da cidade.

DEPORTES

52. Creación do Consello Municipal do Deporte. Órgano asesor de control e seguimento da xestión deportiva e ao mesmo tempo, xerador de ideas e propostas de actuación. Estará formado por asociacións, clubs, federacións e axentes interesados.