Ante a falta de actuacións, Lugonovo prevé que a inseguridade peonil se manterá, un curso máis, nas contornas escolares

 

170712 Deterioro paso de peóns Piringalla 2

Tres contornas distintas pero un mesmo obxectivo: mellorar a seguridade peonil e procurar o calmado do tráfico.

Con esta finalidade Lugonovo propuxo, en marzo, diversas medidas encamiñadas a garantir a protección dos viandantes en tres enclaves moi concretos: Albeiros, a Piringalla e Ramón Ferreiro e, catro meses despois, “en ningún dos tres se fixo nada”.

A queixa chega da man de Iñaki García quen afea ao goberno pola deixadez amosada nun aspecto que, a xuízo de Lugonovo, é prioritario.

“Se agora que hai vacacións o executivo non aproveita para efectuar todos estes traballos o que está dando a entender é que non ten vontade de acometelos”.

O concelleiro sinala que a agrupación municipal impulsou hai case medio ano un acordo plenario para crear un itinerario axeitado que comunicara o oeste da cidade co Ceip de Albeiros.

“Cada xornada, máis dun cento dos seus alumnos, provintes de zonas como a Avenida da Coruña, Garabolos ou a Medusa, sufrían unha odisea para chegar sans e salvos ao colexio. A maioría das estradas que poden empregar para desprazarse non dispoñen de beirarrúas, nin de suficientes pasos de cebra, nin de indicadores que os sinalicen e moito menos de iluminación axeitada. E pese a denuncialo e a acadar o respaldo da Corporación para mudar esta situación, segue sen dárselle solución”, reprocha García Gómez.

“A mesma deixadez contribuíu a agravar o deterioro da sinalización vial na Piringalla e tampouco aparenta que o equipo de goberno se preocupe moito por diminuir a velocidade da circulación nesta zona así como na Avenida de Ramón Ferreiro ou en Montirón onde se concentran varias instalacións docentes”, advirte o edil.

Cómpre ter en conta que, no caso do CEIP Luis Pimentel, o IES Anxel Fole e o IES Muralla de Lugo constitúen, conxuntamente, unha das unidades educativas de maiores dimensións de Galicia, na que xuntos, superan os 2.000 estudantes. E a cifra de matriculados alcanza os 4.000 entre os seis centros que se aglutinan en tres rúas do centro, como son o IES Lucus Augusti, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, a Facultade de Maxisterio, e os CEIP de A Anexa, María Auxiliadora e Rosalía de Castro.

“En total hai máis de 6000 motivos que obrigan ao temperado do tránsito rodado, a regular a súa saturación en horas puntuais e a supervisar que a sinalización sexa correcta e visible, algo que non acontece nas localizacións que referimos onde a falta de atención chega a tal magnitude que ata a pintura dos pasos de peóns, brilla pola súa ausencia”, conclúe Iñaki García que lamenta que o executivo persista na súa desidia.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *