Lugonovo alerta dun vertedoiro nas proximidades de varias vivendas en Lamas de Prado

Vertedoiro Abella

Plásticos, lousas, restos de baldosas, entullo e mesmo madeira. Semella que boa parte dos refugallos da cidade tiveran como destino a Rúa Lamas de Prado.

Lugonovo denuncia que a existencia dun vertedoiro “improvisado e, a todas luces, incontrolado” neste punto da capital, ameaza a salubridade e a hixiene de varias vivendas próximas.

“Non é de recibo que a veciñanza de Lugo teña un estercoleiro á porta das súas casas, como tampouco nos parece lóxico que a administración local se desentenda do problema e permita que, semana tras semana, se sigan acumulando alí os residuos con total impunidade; porque a estampa que reflicte o soar non é froito dun día, nin de dous, senón a viva imaxe da deixadez dun executivo que, definitivamente, prefire mirar para outro lado”, afea Cristina Pérez Herráiz.

“Estamos a falar dun barrio no que os propios residentes xa formularon reiteradas queixas sobre a presenza de colonias de roedores e de pragas de pombas: a última consecuencia de permitir que o desleixo se apodere do concello. E non é de extrañar comprobando o estado de abandono no que se atopan moitas das leiras da contorna, onde a maleza alcanza, en altura, ao cableado do tendido eléctrico”.

A portavoz da formación lembra que esta é a terceira petición que Lugonovo realiza ao respecto requerindo a intervención municipal.

“Xa en 2015 solicitamos ao goberno que actuase para poñerlle freo a todo este deterioro. Sen embargo, dous anos despois, boa parte dos terreos desocupados sitos neste enclave continúan cheos de sucidade e invadidos pola vexetación ata o punto de converter en intransitables algúns camiños. Unha deficiencia que afecta á conservación e o mantemento urbano pero tamén á convivencia”.

Por iso, os edís da agrupación instan, unha vez máis, ao executivo a limpar en profundidade e a acondicionar os espazos públicos para que cumpran as mínimas garantías sanitarias e de servizo para toda a poboación . “Vai sendo hora de que o executivo atenda ás obrigas que lle corresponden”, conclúe Pérez Herráiz.

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *