Lugonovo urxe ao goberno a crear o Rexistro de Soares en Ruína para axilizar os expedientes e evitar novas derrubas

Fotografía La Voz de Galicia

Fotografía de La Voz de Galicia

Trala derruba da cuberta dunha casa na rúa Xulia Minguillón, Lugonovo interpelará ao goberno para esclarecer o número exacto e as circunstancias nas que se atopan os edificios declarados en estado de ruína. A formación xa denunciara en febreiro pasado que na cidade existen máis dun cento de inmobles en risco.

“O número 42 de Xulia Minguillón era un dos máximos expoñentes do desleixo urbanístico que padece a capital. O sucedido onte era de agardar pero só foi cuestión de sorte que o susto non mudase en traxedia se o tellado no canto de caer cara o interior da vivenda se tivese desprendido sobre a calzada”, advirte Iñaki García.

O concelleiro lamenta que o executivo non teña dado nin un só paso para crear o Rexistro de  Soares en Ruína, proposto por Lugonovo en maio de 2016 e aprobado pola maioría da Corporación.

“Ademais dun acordo plenario, está ignorando un imperativo ao que obriga o artigo 137 do Capítulo I da Lei do Solo, relativo ao Fomento da Edificación, Conservación e Rehabilitación no que se estipula que: Os municipios con poboación superior aos 50.000 habitantes crearán un Rexistro de Soares, no cal se incluirán os soares e as construcións en ruína ou aquelas sobre as que non se houberan realizado as obrigas contempladas nos artigos anteriores, unha vez que se constatara que as medidas de execución forzosa resultan ineficaces para o seu cumprimento”.

García Gómez considera esta sorte de inventario como unha das ferramentas básicas para tramitar o alleamento. “Dende Lugonovo instamos, unha vez máis, ao equipo de goberno a iniciar con dilixencia este Rexistro como a medida coercitiva definitiva que pode empregar a Administración para poñer en vías de solución un dos problemas máis salientables que nos afectan e que redunda na estética arquitectónica”. O edil apunta ademais a posibilidade de que, de forma parella, no caso das fincas abandonadas, o Concello intente previamente o acordo cos propietarios para darlles un uso público transitorio a cambio de adecentar o terreo.

Dende a agrupación municipal sinálase que “se non se dispón dun documento oficial que constate cantas e cales son as parcelas afectadas pouco marxe de manobra vai ter a institución para esixir que se respecte o regulamento” e, nese sentido, presentarán unha batería de preguntas á próxima Comisión de Desenvolvemento Sostible para aclarar cales son os motivos polos que aínda non se creou este instrumento e cales as actuacións máis inmediatas que o executivo pensa acometer para evitar novos sinistros.

“Cómpre lembrar que, ademais da demolición acontecida onte, existen outros enclaves nos que tamén se rexistraron desprendementos e que a falta de limpeza dalgunha leira orixinou asemade queixas veciñais pola presenza de roedores non só nelas senón tamén nas proximidades. Falamos de contornas como a propia Milagrosa, a Piringalla, a Tinería e mesmo en Recatelo, ata diante da Mosqueira hai exemplos deste abandono e lentitude burocrática coa que se debe rematar, cando menos para garantir, como se puido ver comprometida, a seguridade cidadá”, conclúe Iñaki García.

 

Sen comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *